lunes, 17 de septiembre de 2012



SECCIÓN BILINGÜE NA MATERIA DE ÉTICA E CIDADANÍA

OBXECTIVOS PROPOSTOS
Os obxectivos propostos para esta sección bilingüe son:
Aumentar a capacidade de lectura e a comprensión de textos escritos en inglés relacionados coa ética e a súa terminoloxía.
Desenvolver capacidades para a comunicación elemental oral e escrita en inglés sobre os mesmos temas.
A consecución destes obxectivos permitiralle ao alumnado participante integrarse plenamente no proxecto de diversidade lingüística e cultural que forma parte da política educativa da Consellería de Educación e Ordenación universitaria. Tamén axudará ao acercamento do alumnado a outras culturas.
Ámbito de desenvolvemento
A sección bilingüe desenvolverase na materia de Educación para a Cidadanía correspondente ao segundo curso da Educación Secundaria Obrigatoria.
Planificación da extensión na etapa nos seguintes anos académicos
A implantación desta sección bilingüe no segundo curso será continuada nos vindeiros anos académicos. Unha vez avaliados os resultados comezarase cunha posible ampliación a outras materias deste mesmo curso ou mesmo noutros cursos da ESO.
Estratexias metodolóxicas
Pola experiencia de anos anteriores, as competencias en lingua inglesa dos alumnos é relativamente baixa, especialmente nas destrezas de produción (speaking e writing).
O uso do inglés dos alumnos na súa actividade académica centrarase na lectura e consulta de documentación en inglés e na comprensión de audios ou vídeos nesta lingua.
Tendo en conta isto, a metodoloxía basearase nunha primeira parte, na capacidade de ler e comprender textos escritos, adquirindo a terminoloxía específica. Progresivamente traballarase a comprensión de textos orais.
De forma simultánea, prestarase especial atención ao desenvolvemento das destrezas básicas (listening, speaking, reading e writing). Realizaranse actividades orientadas cara a expresión oral e escrita a un nivel axeitado para as necesidades do alumnado.
Pautas para a avaliación
A avaliación realizarase en tres liñas:
Avaliación da capacidade de compresión oral e de lectura da documentación específica da materia de Educación para a Cidadanía en lingua inglesa.
Probas de seguimento sobre a adquisición de contidos de gramática e vocabulario nas clases de lingua inglesa e evolución do desenvolvemento das destrezas básicas (listening, speaking, reading e writing).
Realización das probas escritas e presentación de traballos en lingua inglesa cando así se requira.
Alumnado participante
Participarán nesta sección bilingüe todos os alumnos do segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria matriculados na materia de Educación para a Cidadanía.
Criterios para avaliar a propia programación.           
-           Enquisa para a avaliación do profesor ,que é unha autoavaliación dos alumnos da materia sobre as actividades docente realizadas polo profesor.
-           Memoria fin de curso, na que, entre outros temas, trátase da porcentaxe da programación impartida, a realización de modificacións na mesma e as propostas de mellora para o seguinte curso académico.



OBXECTIVOS

A Unión Europea inclúe como obxectivo dos sistemas educativos velar por que se promova realmente, entre a comunidade escolar, a aprendizaxe dos valores democráticos e da participación democrática co fin de preparar as persoas para a cidadanía activa, en sintonía coa Recomendación (2002)12 do Comité de Ministros do Consello de Europa.
Por outra parte, a Constitución española no seu artigo 1.1 refírese aos valores en que se debe sustentar a convivencia social, que son: a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político e, no artigo 14, establece a igualdade de todos ante a lei e rexeita calquera discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.O mandato constitucional e estas recomendacións son os eixes que vertebran o currículo destas materias, cuxo obxectivo fundamental é formar cidadáns libres e responsables.
A acción educativa debe permitir á mocidade asumir, dun modo crítico, reflexivo e progresivo, o exercicio da liberdade, dos seus dereitos e dos seus deberes individuais e sociais nun clima de respecto cara a outras persoas e outras posturas morais, políticas e relixiosas diferentes da propia.
Para lograr estes obxectivos profúndase nos principios de ética persoal e social e inclúense, entre outros contidos, os relativos á condición social do ser humano, que non se esgota na mera cidadanía, e involucra elementos afectivos e emocionais que non sempre pode regular a normativa legal nin son competencia fundamental dun Estado. Igualmente, e tendo en conta que unha nación non é só unha realidade xurídica senón tamén simbólica, estas materias prestarán unha especial atención ao coñecemento e respecto das institucións xurídico-políticas e dos símbolos propios de España e da Unión Europea.
Neste sentido, abordaranse especialmente a promoción dos dereitos, deberese liberdades que garanten os réximes democráticos, a creación das normas xurídicas segundo a Constitución, o funcionamento do sistema electoral e dos partidos políticos, as teorías éticas e os dereitos humanos, como referencia universal para a conduta humana, así como os aspectos relativos á superación de conflitos, a igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres, as
características das sociedades actuais, a tolerancia e a aceptación das minorías e das culturas diversas.
A Educación para a Cidadanía está configurada nesta etapa por dúas materias: a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, que se imparte nun dos tres primeiros cursos e a Educación Ético-Cívica de cuarto curso. Ambas as materias se estruturan en varios bloques que van desde o persoal e o máis próximo ao global e máis xeral; en ambas existe un conxunto de contidos comúns a estes bloques, que levan á adquisición de procedementos, habilidades sociais e actitudes básicas para o desenvolvemento dunha boa convivencia e da cidadanía democrática.
É común a ambas as materias partir da reflexión sobre a persoa e as relacións interpersoais. Tamén son comúns o coñecemento e a reflexión sobre os dereitos humanos, desde a perspectiva do seu carácter histórico, favorecendo que o alumnado valore que non están garantidos pola mera existencia dunha declaración, senón que é posible a súa ampliación ou o seu retroceso. Finalmente, ambas as materias comparten o estudo das características e problemas fundamentais das sociedades e do mundo global do século XXI.
A Educación Ético-Cívica de cuarto curso organízase en seis bloques, que inclúen no primeiro deles os contidos comúns sinalados.
O bloque 2, Identidade e alteridade, céntrase nos valores da identidade persoal, a liberdade e a responsabilidade.
No bloque 3, Teorías éticas, os dereitos humanos, inclúese a análise das grandes liñas de reflexión ética e, particularmente, o referente ético universal que representan as diferentes formulacións dos dereitos humanos.
O bloque 4, Ética e política. A democracia. Os valores constitucionais, aborda a análise dos fundamentos éticos e xurídicos do noso sistema político democrático situándoo nun nivel de universalidade e de abstracción racional superior ao de cursos anteriores, posible pola maior madurez do alumnado desta idade.
O bloque 5, Problemas no mundo actual, analiza a aproximación crítica a fenómenos tales como a globalización, as políticas de axuda ao desenvolvemento, os conflitos bélicos e a actuación da comunidade internacional na súa prevención e resolución.
O bloque 6, A igualdade entre homes e mulleres, volve ao estudo de contidos xa tratados en cursos anteriores (a igualdade de dereitos entre homes e mulleres no mundo laboral, así como a corresponsabilidade nas tarefas domésticas e de coidado).
Neste curso óptase por incluír un bloque con entidade propia que faga posible a reflexión en profundidade sobre a igualdade, a corresponsabilidade e a liberdade.
1-  DE ETAPA

a) Asumir responsablemente os seus deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto polas outras persoas, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e grupos, exercitarse no diálogo afianzando os dereitos humanos como valores comúns dunha sociedade plural e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.

b) Desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.
c) Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles. Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres.
d) Fortalecer as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións coas outras persoas, así como rexeitar a violencia, os prexuízos de calquera tipo, os comportamentos sexistas e resolver pacificamente os conflitos.
e) Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes da información para adquirir novos coñecementos con sentido crítico. Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente as da información e a comunicación.
f) Concibir o coñecemento científico como un saber integrado que se estrutura en distintas disciplinas, así como coñecer e aplicar os métodos para identificar os problemas nos diversos campos do coñecemento e da experiencia.
g) Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmos, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.
h) Comprender e expresar con corrección, oralmente e por escrito, na lingua galega e na lingua castelá, textos e mensaxes complexos e iniciarse no coñecemento, a lectura e o estudo da literatura.
i) Comprender e expresarse en máis dunha lingua estranxeira de xeito apropiado.
l) Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e a historia propia e das outras persoas, así como o patrimonio artístico e cultural, coñecer mulleres e homes que realizaron contribucións importantes á cultura e á sociedade galega ou a outras culturas do mundo.
m) Coñecer o corpo humano e o seu funcionamento, aceptar o propio e o das outras persoas, aprender a coidalo, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos do coidado e saúde corporais e incorporar a educación física e a práctica do deporte para favorecer o desenvolvemento persoal e social. Coñecer e valorar a dimensión humana da sexualidade en toda a súa diversidade. Valorar criticamente os hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e o medio, contribuíndo á súa conservación e mellora.
n) Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións artísticas, utilizando diversos medios de expresión e representación.
ñ) Coñecer e valorar os aspectos básicos do patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galicia, participar na súa conservación e mellora e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.
o) Coñecer e valorar a importancia do uso do noso idioma como elemento mental para o mantemento da nosa identidade.
2- DA MATERIA
1. Recoñecer a condición humana na súa dimensión individual e social, tomando conciencia da propia identidade, das características e experiencias persoais, respectando as diferenzas cos outros e desenvolvendo a autoestima. (O. E. a, b, c, d, g)
2. Coñecer e expresar os sentimentos e as emocións e desenvolver a afectividade nas relacións cos outros, manifestando unha actitude aberta, solidaria e respectuosa, rexeitando os estereotipos, os prexuízos e a violencia en todas as súas formas. (O.E. a, b, c, d, g, ñ)
3. Desenvolver a iniciativa persoal, actuar con autonomía, asumindo responsabilidades individuais e colectivas, e practicar formas de convivencia e de participación baseadas no respecto, utilizando o diálogo e a mediación para evitar e resolver os conflitos. (O.E. b, d, e, l, m)
4. Coñecer, valorar e exercer os dereitos e asumir responsablemente os deberes e as obrigas que se derivan da declaracións internacionais de dereitos humanos, da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía de Galicia, identificando os valores que os fundamentan. (O.E. b, g, l, ñ, o)
5. Asumir a pluralidade das sociedades actuais recoñecendo a diversidade como enriquecedora da convivencia e defender a igualdade de dereitos e oportunidades de todas as persoas, rexeitando as situacións de inxustiza e as discriminacións existentes por razón de sexo, orixe, crenzas, diferenzas sociais, orientación afectivo-sexual ou de calquera outro tipo, como unha vulneración da dignidade humana e causa perturbadora da convivencia. (O.E. c, l, n)
6. Recoñecer e asumir a igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, valorar a diferenza de sexos rexeitando os estereotipos e prexuízos que supoñan discriminación e participar activamente na prevención da violencia de xénero. (O.E. a, b, c, d, l, m)
7. Coñecer e apreciar os principios e valores que fundamentan e lexitiman os sistemas democráticos e o funcionamento da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado español e da Unión Europea, tomando conciencia do patrimonio común e da diversidade social e cultural. (O.E. l, n, ñ)
8. Coñecer os fundamentos do modo de vida democrático e aprender a obrar baseándose neles nos diferentes ámbitos da convivencia. Asumir os deberes cidadáns na manutención dos bens comúns e recoñecer o papel do Estado como garante dos servizos públicos. (O.E. e, f, l)
9. Coñecer as diversas formas de participación política, desenvolver habilidades de diálogo orientadas á participación democrática e valorar a importancia da participación cidadá, ben sexa na vida política institucionalizada, ben noutras formas de participación como a cooperación, o asociacionismo e o voluntariado. (O.E. e, f, l)
10. Coñecer as causas que provocan a violación dos dereitos humanos, a pobreza e a desigualdade, así como a relación entre os conflitos armados e o subdesenvolvemento. Valorar as accións encamiñadas á consecución da paz e da seguridade e a participación activa como medio para lograr un mundo máis xusto. (O.E. d, e, f, l)
11. Recoñecerse membros dunha cidadanía global, baseada nos valores da liberdade, a igualdade e a xustiza e implicarse activamente na súa realización, comezando por mostrar respecto crítico polos costumes e modos de vida de poboacións distintas á propia e manifestar comportamentos solidarios coas persoas e colectivos desfavorecidos. (O.E. a, b, c, d, f)
12. Coñecer e analizar as principais teorías éticas que máis contribuíron ao recoñecemento das liberdades e dos dereitos das persoas. (O.E. e, f, l)
13. Identificar as posicións morais que están na orixe dos principais problemas e conflitos do mundo actual, valorar a importancia da análise ética na orientación da súa resolución e desenvolver unha actitude crítica ante os modelos que se transmiten a través dos medios de comunicación, mediante a adquisición de destrezas básicas na utilización das fontes de información. (O.E. e, f, l)
14. Adquirir un pensamento crítico, desenvolver un criterio propio e adquirir habilidades para comunicar as propias ideas e defender as propias posicións en debates, a través da argumentación documentada e razoada, así como para escoitar e valorar as razóns e argumentos dos outros. (O.E. b, d, g)
15. Practicar o diálogo coa realidade social en continuo proceso de transformación, como instrumento para a análise crítica das conviccións persoais e a formulación dun proxecto de vida propio, na dimensión persoal, cívica e profesional. (O.E. e, g, h, l)

3-DO PROXECTO CURRICULAR
1. Dominar as claves da linguaxe e do vocabulario propios da materia de Educación ético-cívica a través da lectura comprensiva dos textos traballados durante o curso.
2. Comprender e xustificar mediante razoamentos de nivel ético, e utilizando a autoridade moral e científica de pensadores históricos, o valor da vida e da persoa.
3. Comprender os trazos básicos da moralidade humana na súa práctica individual e social, valorando o significado da dignidade da persoa, a liberdade como proxecto e a autonomía moral en todos os seres humanos.
4. Identificar con claridade e xustificar razoadamente os deberes que ten o individuo coa sociedade e a sociedade co individuo.
5. Coñecer e identificar os grandes problemas morais que tivo e ten a sociedade en xeral e a nosa en particular e saber responder á busca de solucións para resolver ben os conflitos, ética e civicamente.
6. Identificar e apreciar os valores morais que universalmente poden considerarse como desexables e a súa diferente proxección nos principais proxectos éticos contemporáneos.
7. Valorar os Dereitos Humanos como conquista irrenunciable da humanidade e condición necesaria para a paz, denunciando aquelas situacións que se consideren discriminatorias e inxustas no mundo actual, tanto na contorna máis próxima coma noutras zonas máis afastadas.
8. Desenvolver valores e actitudes solidarios cos pobos, grupos sociais e persoas privadas dos seus dereitos ou dos recursos económicos necesarios para unha vida digna.
9. Valorar o pluralismo das sociedades contemporáneas, especialmente das europeas, identificando as razóns en que se basean as distintas formulacións que conviven, e adoptando unha actitude de respecto polas opcións éticas e os proxectos morais diferentes dos propios.
10.    Rexeitar de xeito crítico e reflexivo os intentos de xustificación das discriminacións por razón de nacemento, sexo, raza, lingua, crenzas ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
11.    Analizar as diferentes formas de organización política das sociedades actuais, sobre todo os sistemas democráticos e o estado social de dereito, recoñecendo a vinculación entre o gozo dos dereitos persoais e o respecto polos dereitos das outras persoas.
12.    Coñecer as ideas básicas dalgunhas teorías éticas, diferenciando as éticas materiais das éticas formais e aplicárllelas aos fundamentos dos xuízos morais, utilizando os procedementos específicos da reflexión filosófica e entendendo que na argumentación moral son posibles fundamentos diferentes e, eventualmente, contrapostos.
13.    Valorar os dereitos e obrigas que se derivan da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e da Constitución Española, identificando os principios que os fundamentan.
14.    Formarse unha idea axustada do que significa a democracia como proxecto ético e saber xustificar as relacións necesarias entre ética e política.
15.    Participar de xeito racional e construtivo nas actividades de clase, valorando o diálogo como medio para superar prexuízos e posicións dogmáticas e como procedemento privilexiado para a reflexión ética que favoreza o respecto mutuo e a cooperación, dando razóns que xustifiquen as afirmacións propias e pedíndolles aos outros que xustifiquen as súas.
16.    Apreciar os principios que fundamentan os sistemas democráticos e o funcionamento do Estado español e da Unión Europea, tomando conciencia do patrimonio común e da diversidade que, de forma concreta, caracteriza nestes momentos a realidade social e cultural galega.

COMPETENCIAS BÁSICAS

O carácter integrador da materia de Educación ético-cívica fai que a súa aprendizaxe contribúa á adquisición da totalidade de competencias básicas propostas no currículo oficial.

A Educación ético-cívica relaciónase directamente coa competencia social e cidadá, pero a complexidade das sociedades democráticas esixe facerlle fronte a unha serie de novos desafíos como o coidado do medio, a orientación do desenvolvemento tecnocientífico, a responsabilidade polas xeracións futuras, a igualdade entre os sexos, a loita contra novas formas de exclusión social e contra as existentes, que impiden desvincular a competencia social e cidadá do desenvolvemento das demais competencias básicas. Negarlle á cidadanía a participación no debate sobre estas cuestións, entre outras, sería contraditorio cos valores democráticos. Unha cidadanía activa debe ter capacidade de elixir, pero ser capaz de elixir esixe ser capaz de formular preguntas, observar, seleccionar, analizar, sintetizar información e transformala en coñecemento, facer explícitas as ideas, construír argumentos, propoñer hipótese etc. Estamos a falar de destrezas relacionadas con diferentes competencias (competencia en comunicación lingüística, para aprender a aprender, autonomía e iniciativa persoal etc.), que é necesario adquirir se o obxectivo é a formación integral do alumnado e a súa preparación para a vida social.

En relación coa competencia social e cidadá, a educación para a cidadanía propicia a adquisición de habilidades para vivir en sociedade e para exercer a cidadanía democrática, pois favorece o desenvolvemento de destrezas que permiten participar, tomar decisións, elixir a forma axeitada de comportarse en determinadas situacións, así como responsabilizarse das consecuencias derivadas das decisións adoptadas. Contribúe, do mesmo xeito, a reforzar a autonomía, a autoestima e a identidade persoal, a tomar conciencia e facilitar a expresión dos propios pensamentos, valores, sentimentos e accións, a impulsar os vínculos persoais baseados nos sentimentos e os valores da convivencia e a participación; contribúe a fomentar habilidades sociais destinadas a mellorar as relacións interpersoais. O coñecemento da diversidade axuda a xerar sentimentos non excluíntes e a interiorizar o valor de respecto, así como a aceptar e usar convencións e normas sociais facilitadoras da convivencia. A sensibilización ante as situacións de discriminación e inxustiza permite consolidar os valores de cooperación, solidariedade, xustiza, non violencia, compromiso e participación tanto no ámbito persoal coma no social. A práctica do diálogo axuda a afrontar e resolver as situacións de conflito mediante procedementos non violentos.

Contribúese tamén á dimensión ética da competencia social e cidadá ao favorecer a identificación e reflexión crítica sobre os valores da contorna e ao ofrecer como referente ético común os valores que sustentan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia. Contidos específicos como o coñecemento dos fundamentos e os modos de organización das sociedades e dos estados democráticos, a evolución histórica dos dereitos humanos, o achegamento á pluralidade social ou ao carácter da globalización e as implicacións que comporta para os cidadáns, proporciónanlle ao alumnado instrumentos para construír, aceptar e practicar normas de convivencia acordes cos valores democráticos, exercer os dereitos e liberdades e asumir as responsabilidades e deberes cívicos.

A Educación para a Cidadanía, a través da educación afectivo-emocional, contribúe tamén ao desenvolvemento da competencia de aprender a aprender, porque facilita o recoñecemento das propias capacidades e carencias e as habilidades para tirar proveito das primeiras e superar as segundas. Por outra banda, o desenvolvemento do diálogo e a valoración das razóns doutras persoas require admitir a diversidade de respostas ante un mesmo problema. Así mesmo, o estímulo das destrezas orientadas á recompilación e á síntese de información, á transformación da información en coñecemento, ao desenvolvemento das habilidades sociais que permiten o traballo en equipo e a participación favorecen tamén as aprendizaxes posteriores.

Os contidos da educación para a cidadanía potencian tamén o desenvolvemento da competencia básica autonomía e iniciativa persoal, xa que a reflexión sobre as relacións entre intelixencia, sentimentos e emocións posibilita o coñecemento de un mesmo, o autocontrol e o equilibrio emocional necesarios para desenvolver un comportamento autónomo. O coñecemento da achega de distintas teorías éticas, facilita a creación dun código moral propio. Por outra banda, os contidos procedimentais do currículo atenden especialmente á argumentación, á elaboración de ideas propias, ao estudo de casos que esixa un posicionamento persoal sobre un problema e á busca de posibles solucións. Considera tamén a necesidade de planificar, tomar decisións con criterio propio e asumir a responsabilidade da elección. A formulación de dilemas morais, que caracterizan as materias desta área, contribúe tamén a que as alumnas e alumnos constrúan un xuízo ético propio baseado nos valores e prácticas democráticas.

O uso sistemático do diálogo e o debate contribúe á competencia en comunicación lingüística. Debater en serio esixe exercitarse na escoita, na exposición e na argumentación e para iso é necesario verbalizar os conceptos, facer explícitas as ideas, formar os xuízos e estruturalos de forma coherente.

A necesidade de buscar, obter, analizar, sintetizar e relacionar a información procedente de distintas fontes, comprendela e integrala para producir coñecemento, comunicala, facer inferencias e deducións son procedementos que contribúen tamén a desenvolver a competencia: tratamento da información e competencia dixital.

A educación para a cidadanía permite tamén mellorar a competencia cultural e artística, porque o desenvolvemento de habilidades sociais para a convivencia nunha sociedade plural esixe ser capaz de apreciar o feito cultural nas súas diversas manifestacións.

Ser conscientes da importancia do uso responsable dos recursos naturais, da necesidade de preservar o medio, potenciar o consumo responsable e unha forma de vida saudable, son contidos cos que desde a educación para a cidadanía é posible contribuír tamén ao desenvolvemento da competencia en coñecemento e interacción co mundo físico.

Finalmente, a competencia matemática tamén se estimula mediante o emprego e a comprensión dos aspectos cuantitativos de informacións sobre os feitos da realidade social e ético-cívica que se estuden. Os traballos que se elaboren nesta materia facilitarán o emprego significativo de nocións de estatística básica, o uso de escalas numéricas e gráficas
 A materia de Educación ético-cívica mantén unha vinculación especial coa competencia básica nº 5: Social e Cidadá. Así, todos os nosos enunciados están relacionados con ela. Pero a súa contribución é decisiva para o desenvolvemento das restantes. Destacamos, a continuación, as relacións entre as nosas competencias específicas e as competencias básicas establecidas no currículo oficial.
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS DO CURRICULO

1.       Interpretar e empregar a información (verbal, estatística e icónica) sobre os criterios específicos que fundamentan a moralidade humana, sobre todo os relacionados coa dignidade da persoa e a súa liberdade, aplicando para isto as tecnoloxías da información e a comunicación. (C.B. 5, 1, 2, 7,8)
2.       Actuar de acordo a normas e leis ético-cívicas defendendo o seu valor como medio regulador das relacións persoais no ámbito académico, social e familiar. (C.B. 5, 1, 6,8)
3.       Posuír coñecementos e manter opinións correctas respecto das diferentes condutas morais, destacando aquelas que fan referencia á realidade galega e buscando semellanzas e diferenzas cos doutros contextos. (C.B. 5, 1, 6 ,7, 8)
4.       Realizar traballos acerca dos factores que interveñen nas condutas ético-cívicas que supoñan tomar decisións libres e que aclaren as responsabilidades persoais e sociais destas. (C.B. 5, 7, 8)
5.       Identificar e valorar os sentimentos que se experimentan ante situacións de desigualdade, inxustiza, violación de dereitos humanos, marxinación, paro, pobreza, violencia de xénero, analizando, especialmente aquelas que teñen lugar na Comunidade de Galicia. (C.B. 5, 8)
6.       Participar activamente en situacións de diálogo, coloquio e debate respectando as súas normas básicas e diferenciando entre argumentos e opinións. (C.B. 1, 5, 7, 8)
7.       Expoñer de forma sistemática, clara e fundamentada as causas e o alcance dos problemas de violencia que afectan á sociedade, particularmente á galega, contrastándoos cos doutros contextos. (C.B. 1, 5, 8)
8.       Identificar a multiplicidade de factores que interveñen no desenvolvemento de determinados conflitos, especialmente aqueles que proveñen de situacións de violencia de xénero, delimitando a súa importancia e mostrando alternativas fundamentadas para a súa solución. (C.B. 5)
9.       Mostrar actitudes de defensa e respecto polas institucións democráticas e reflexionar en grupo sobre os problemas que o exercicio do poder, non exercido segundo normas e leis éticas, poden xerar na sociedade. (C.B. 3, 5, 6)
10.    Identificar e caracterizar diferentes formas de concreción do ordenamento xurídico como instrumento de regulación da convivencia, especialmente no ámbito da Comunidade de Galicia, comprendendo a complexidade e transcendencia do seu exercicio de acordo co dereito e a xustiza. (C.B. 3, 5)
11.    Analizar os valores fundamentais da Constitución Española, as liberdades básicas e o pluralismo político que delimita o seu articulado, mostrando actitudes críticas ante posibles comportamentos sociais que non a respectan. (C.B. 3, 5, 6).
12.    Obter, seleccionar e procesar información utilizando fontes diversas e os novos medios de información e comunicación, así como elaborar novas informacións utilizando as axeitadas estratexias e técnicas do traballo intelectual tales como a análise crítica, recolleita de datos, comparacións ou síntese, entre outras. (C.B. 4, 5, 7, 8).
13.    Obter novas relacionadas coas discriminacións e violacións dos dereitos humanos no mundo actual, analizando as causas e consecuencias que implica o incumprimento dos devanditos dereitos, utilizando fontes diversas e os novos medios de información e comunicación. (C.B. 4, 5, 7, 8).
14.    Utilizar o diálogo e o debate na formulación dos conflitos e dilemas morais, estimulando a capacidade argumentativa. (C.B. 1, 4, 5, 7)

CONTIDOS

Real decreto 1190/2012, do 3 de agosto, polo que se modifican o Real decreto 1513/2006, do 7 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas da educación primaria, e o Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria.

Bloque 1. Contidos comúns.
Recoñecemento dos criterios, valores e argumentos implicados en diferentes posturas éticas e políticas.
Preparación e realización de debates sobre problemas do contorno inmediato ou de carácter global, sobre cuestións de actualidade e dilemas ético-cívicos, considerando as posicións e alternativas existentes.
Análise comparativa e avaliación crítica de informacións proporcionadas polos medios de comunicación sobre un mesmo feito ou cuestión de actualidade.
Recoñecemento das violacións de dereitos humanos e de liberdades e das inxustizas no mundo contemporáneo. A liberdade e a xustiza como obxectivo. Participación en proxectos que impliquen solidariedade dentro e fóra do centro.

Bloque 2. Liberdade e responsabilidade.
O carácter moral e social das accións humanas. Liberdade e responsabilidade como condicións de posibilidade da acción política e moral.
Os criterios morais e a noción de valor. O ben e a xustiza como valores fundamentais da acción persoal e social humana.
A especificidade do discurso sobre o bo e o xusto. Presentación do ámbito de reflexión propio da filosofía.

Bloque 3. Teorías éticas. Os dereitos humanos.
As teorías éticas.
Os dereitos humanos como referencia universal para a conduta humana. Dereitos cívicos e políticos. Dereitos económicos, sociais e culturais. Evolución, interpretacións e defensa efectiva dos dereitos humanos.
As diferenzas sociais e culturais. Rexeitamento das actitudes de intolerancia, inxustiza e exclusión.
Os dereitos humanos nas novas tecnoloxías da información. Os dereitos humanos e o respecto á vida e á dignidade humana no contexto da nova biotecnoloxía.

Bloque 4. Ética e política. A democracia. Os valores constitucionais.
Democracia e participación cidadá.
Institucións democráticas do Estado español, das comunidades autónomas e da Unión Europea: fundamento e funcionamento. O ordenamento xurídico español como instrumento de regulación da convivencia. Institucións e normas fundamentais.
A Constitución española. Dereitos e deberes fundamentais na Constitución. Educación cívico-tributaria.

Bloque 5. Problemas sociais do mundo actual.
Factores que xeran problemas e discriminacións. Valoración ética desde os dereitos humanos. Propostas de actuación.
A globalización e o desenvolvemento. Poder e medios de comunicación.
Cidadanía global. Desenvolvemento humano sustentable. Cooperación. Os movementos comprometidos na defensa dos dereitos humanos.
Os conflitos armados e a actuación da comunidade internacional na súa resolución.

Bloque 6. A igualdade entre homes e mulleres.
Dignidade da persoa, igualdade en liberdade e diversidade.
Causas e factores da discriminación das mulleres. Igualdade de dereitos e de feito.
Alternativas á discriminación. Prevención e protección integral da violencia contra as mulleres.

 

 

CONTIDOS (Secuenciados e temporalizados)

1ª AVALIACIÓN
Bloque 1. Contidos comúns.
Bloque 2. Liberdade e responsabilidade.

2ª AVALIACIÓN
Bloque 3. Teorías éticas. Os dereitos humanos.
Bloque 4. Ética e política. A democracia. Os valores constitucionais.
3ª AVALIACIÓN
Bloque 5. Problemas sociais do mundo actual
Bloque 6. A igualdade entre homes e mulleres.

CONTIDOS MÍNIMOS

1-       Recoñecerse e recoñecer os demais como persoas
2-       Aprender o valor da convivencia
3-       Entender o significado de ser morais
4-       Recoñecer as distintas teorías éticas e os seus principais representantes
5-       Coñecer en profundidade os dereitos humanos e entender que non só atinxen a uns poucos
6-       Valorar a importancia da democracia como forma de goberno e as súas consecuencias
7-       Recoñecer nos outros a persoas iguales e potenciar o rexeitamento da discriminación
8-       Recoñecer o concepto de cidadaniía e todo o que ela conleva
9-       Entender a paz como unha necesidade ética
10-   Recoñecer a igualdade entre home e muller e rexeitar a violencia de xénero

TEMPORALIZACIÓN

1ª Avaliación: bloque 1 y 2
2ª Avaliación: bloque 3 y4
3ª Avaliación: bloque 5 y 63

AVALIACIÓN


Criterios de avaliación.


1. Coñecer os trazos propios da moralidade humana e os conceptos básicos da estrutura moral dos seres humanos.
2. Diferenciar os trazos básicos que caracterizan a dimensión moral das persoas (as normas, a xerarquía de valores, os costumes etc.) e os principais problemas morais.
3. Identificar e expresar as principais teorías éticas.
4. Recoñecer os dereitos humanos como principal referencia ética da conduta humana e identificar a evolución dos dereitos cívicos, políticos, económicos, sociais e culturais.
5. Comprender e expresar o significado histórico e filosófico da democracia como forma de convivencia social e política.
6. Recoñecer os valores fundamentais da democracia na Constitución española e a noción de sistema democrático como forma de organización política en España e no mundo.
7. Analizar as causas que provocan os principais problemas sociais do mundo actual, utilizando de forma crítica a información que proporcionan os medios de comunicación, e identificar solucións comprometidas coa defensa de formas de vida máis xustas.
8. Recoñecer a existencia de conflitos e as súas principais causas. Valorar o dereito internacional humanitario.
9. Distinguir igualdade e diversidade e as causas e factores de discriminación. Coñecer os principais fitos na historia dos dereitos das mulleres. Rexeitar calquera discriminación ou violencia cara á muller.
10. Xustificar as propias posicións utilizando sistematicamente a argumentación e o diálogo e participar de forma democrática e cooperativa nas actividades do centro e do contorno.
11. Identificar problemas éticos das tecnoloxías da información e a comunicación e do noso modelo de desenvolvemento tecnolóxico.»

Instrumentos e porcentaxe de valor

Haberá tres instrumentos de avaliación:
Probas de contidos. Avaliará sobre todo os contidos conceptuais. Será, polo menos, unha por avaliación e suporá o 60% da nota.
Traballos.Será, polo menos, un por avaliación e suporá o 30% da nota. Serán individuais ou en pequenos grupos. Estos traballos serán guiados (pautas, cuestións, etc) ou libres (indicarase só a temática).
Actitudes: Neste punto terase en conta a puntualidade, o traballo, e a participación na clase. Cada vez que o alumno non cumpla con estas actitudes perderá unha décima da súa nota.
A nota de cada avaliación será a suma das notas de estos tres elementos de avaliación.
A nota final suporá a media das tres avaliacións, sempre e cando o alumno teña ó menos un catro en cada unha delas, senón a materia estará suspensa

Actividades de recuperación

Os alumnos poderán realizar unha proba extraordinaria da asignatura de non superala, nas datas que determinen as Administracións educativas.
Esta proba extraordinaria atenderá ós mecanismos de recuperación propostos no apartado anterior atendendo ás dificultades non superadas polo alumno.
Como norma xeral e debido a súa condición de extraordinaria consistirá nunha proba de control e evaluará a adquisición dos contidos mínimos, tendo tamén presente que a materia ten outras facetas a recuperar, e polo tanto terá que avaliarse a boa disposición do alumno cara a asignatura


AVALIACIÓN EXTRAORDINARIA SETEMBRO

O alumnado coa materia pendente para setembro realizará una proba escrita sobre os contidos mínimos da materia

MÉTODOS PEDAGÓXICOS

1- - Principios metodolóxicos
A metodoloxía nesta materia ten que partir dunha serie de principios que se poderían concretar así:
- Tratar de describir que acontece na mente dos alumnos e alumnas ó abordar calquera dos temas: conceptos, valores, aprendizaxes previos, de modo que poda construír unha aprendizaxe significativa.
- Valorar as ideas e destrezas dos alumnos e alumnas de modo que se desenvolva a súa autoestima como o primeiro dos valores, fundamental para a adquisición doutros valores (solidaridade, tolerancia etc) e actitudes que son contidos desta área.
- Posibilitar que os alumnos e alumnas realicen aprendizaxes significativos ou que aprendan a aprender.
Tratar de que os alumnos e alumnas realicen no proceso da aprendizaxe unha actividade mental que lles leve a reflexionar e razoar criticamente sobra as súas propias ideas e actuacións.

2.- Estratexias didácticas
- Expositivas para a presentación de temas, feitos e conceptos, de modo que axuden os alumnos e alumnas a situarse claramente e a ter unha visión panorámica ou introductoria de calquera dos temas do curso.
- De indagación nas que se enfronte os alumnos e alumnas con problemas nos que teñan que utilizar reflexivamente conceptos, procedementos e actitudes, garantindo así a súa adquisición. Trataríase de debates, investigación sinxelas, percura e selección de información...
- Organizativas de modo que a organización do traballo estea presidida pola diversidade de actividades: tempos de explicación, tempos de traballo individual en pequenos grupos e tempos de posta en común.
3.- Aplicación ó platexamento das unidades didácticas
3.1.- Motivación e exploración de ideas previa
Antes de comenzar a explicación de cada unidade faise necesario pulsar o estado das concepcións previas dos alumnos, co gallo de orientar o traballo conforme os xuízos e prexuízos que os alumnos e alumnas amosen e de rexeitar as ideas equivocadas que podan ter sobre o tema. Este traballo axuda a suscitar o interese por afondar nos contidos.
3.2.- Organización dos contidos
Información básica e complementaria: calquera material curricular debe contemplar a posibilidade de establecer niveis de diferenciación de contidos co obxecto de atender as diferencias individuais dos alumnos e alumnas. Por este motivo establecerase unha diferenciación entre os dous niveis de contidos: a información básica e a información complementaria.
A información básica contén a información esencial, os aspectos considerados como contido mínimo de aprendizaxe para todos os alumnos e alumnas.
Os desenvolvementos monográficos analizan en profundidade algún elemento ou aspecto da información esencial
3.3.- As actividades
Están deseñadas cun triple propósito: consolidar a aprendizaxe, promover a reflexión e a toma de conciencia e facilitar a adaptación a diversidade do alumno.

MATERIAIS E RECURSOS DIDÁCTICOS


LIBRO DE TEXTO
Título do libro
ÉTICA E CIDADANÍA
Editorial
OBRADOIRO SANTILLANA
Autor
VVAA
Data autorización
2012
ISBN
978-84-8224-848-6

Faremos diversas lecturas relacionadas cos contidos da materia que iremos determinando en función dos intereses e capacidades do alumnado. Tamén traballaremos do mesmo modo coas películas e artigos perodísticos

TEMAS TRANSVERSAIS

O presente documento mostra integradas as ensinanzas transversais nos obxectivos, nos diferentes bloques de contido e nos criterios de avaliación. A materia de Educación para a Cidadanía concretará a súa relación coas ensinanzas transversais nas propostas de aula.

Podemos mostrar a vinculación coa educación moral, cívica, para a paz e para a igualdade de oportunidades entre sexos por medio do fomento do desenvolvemento de actitudes como:

-          A tolerancia intelectual para aceptar e estar aberto a obras, opinións, interpretacións e puntos de vista diferentes dos propios, asumindo que a discrepancia é necesaria para acadar solucións máis ricas e integradoras,
-          Crítica ante mensaxes que denoten unha discriminación sexual, racial, social etc.
-          Disposición aberta a buscar parte da explicación de sucesos actuais nos seus antecedentes sociohistóricos.
-          Valoración crítica dos prexuízos sexistas presentes nos nosos costumes e recuperación e integración do patrimonio cultural das mulleres.
-          Valoración dos dereitos humanos como unha conquista histórica e rexeitamento de calquera forma de violación destes, así como de todo tipo de discriminación por razóns de idade, sexo, raza, nacionalidade e relixión.

Tamén a educación para a saúde, para o consumo, ambiental e viaria cobran importancia subliñando actuacións vinculadas a contidos do seguinte tipo:

-          Interese por coñecer e gozar de obras, obxectos e logros sociais, culturais, técnicos, artísticos.
-          Contribución para a conservación do patrimonio social e cultural.
-          Disposición favorable á conservación e mellora do medio natural.
-          Recoñecemento dos graves problemas aos que se enfronta a vida humana sobre a Terra.
-          Sensibilidade cara á racionalización no uso dos recursos naturais.
-          Actitude crítica ante a repartición desigual dos recursos e solidariedade cos que sofren escaseza de alimentos e recursos.   
-          Disposición activa á cooperación por conservar e arrequentar o patrimonio social e cultural.

Por suposto a materia ten unha relación moi estreita coa problemática da convivencia. Por elo dende esta materia se promoverán actitudes encamiñadas a acadar unha convivencia pacífica na aula, no centro e dentro da propia comunidade

ATENCIÓN A DIVERSIDADE

1.- Atención a diversidade na programación
Un dos obxectivos principais dun ensino de calidade é ofrecer un achegamento a propia realidade dos alumnos e alumnas tanto o seu entorno como as súas propias aspiracións , capacidade e intereses. Esto é particularmente relevante na área de ética, moi marcada polas distintas personalidades dos propios alumnos e alumnas e pola diferente percepción do medio social e a realidade xeográfica, socioeconómica, cultural etc.
Polo que a programación terá en conta que non todos os alumnos e alumnas conquiren ó mesmo tempo e coa mesma intensidade os contidos tratados e así hai que asegurar un nivel mínimo para todos os alumnos e alumnas ó final da etapa e permitir, a vez, que os alumnos e alumnas máis avantaxados podan ampliar os seus coñecementos máis alá dese mínimo común.
Estes obxectivos acadaranse mediante un plantexamento das unidades en dous niveis. Nun primeiro nivel platearanse as ideas xerais e básicas sobre o tema concreto, para pasar, nun segundo nivel de profundización, ó estudio de temas concretos. O primeiro nivel ten que ser asimilado por todos os alumnos e alumnas, en tanto que os contidos do segundo nivel pode ser traballado máis ou menos profundamente segundo as capacidades de cada e alumno e alumna en concreto.
As actividades de cada unidade tamén teñen que reflectir esta diversidade. Unha serie de actividades servirán para comprobar o grado de comprensión dos contidos básicos por parte dos alumnos e alumnas e correxir os mal aprendidos. Outras actividades deberán comprobar a capacidade de xuízo crítico e de análise de problemas por parte dos alumnos e alumnas e permitirán unha avaliación a distintos niveis.

2.- Atención a diversidade na metodoloxía
As estratexias didácticas serán de dous tipos:
- unha estratexia expositiva dos contidos básicos. O obxectivo é asegurarnos de que os contidos básicos son comprendidos por todos os alumnos e alumnas, definindo claramente o nivel que se quere acadar,
- unha estratexia indagatoria no caso dos contidos específicos, que permitan ós alumnos e alumnas indagar nas súas capacidades segundo sexan as súas capacidades e intereses.
A área de ética ten unha grande capacidade formativa desde o punto e vista das actitudes e da socialización dos alumnos e alumnas. Neste sentido é importante realizar actividades que vinculen a toda a clase: traballos de grupo, debates, posta en común, saídas externas etc. e nas que os alumnos e alumnas poñan na práctica as normas de convivencia en sociedade, tolerancia cara as ideas dos demais etc.
De maneira máis concreta pasamos a especificar os instrumentos para atender a diversidade:
- variedade metodolóxica, variedade de actividades de reforzo e profundización, multiplicidade de procedementos de avaliación da aprendizaxe, diversidade de mecanismos de recuperación, traballos en pequenos grupos, traballos voluntarios,
Estes instrumentos poden ser complementados con algunhas medidas que permitan unha axeitada atención a diversidade, como: facer unha avaliación inicial, favorecer a existencia dun clima bo de aprendizaxe na aula, insistir nos reforzos positivos para mellorar a autoestima etc.
Cando estas medidas non chegasen para atender a diversidade habería que acudir a diversidade de carácter extraordinario tanto das deficiencias en capacidades de lectura, comprensión do que se le, utilización de técnicas de estudio axeitadas, expresión oral e escrita, como os atrancos que nacen de problemas de incapacidade física ou psíquica para seguir o Proxecto curricular deseñado nesta programación.
Os alumnos con dificultades físicas ou psíquicas que impidan seguir o desenvolvemento normal do Proxecto curricular, previo informe psicopedagóxico do Departamento de Orientación, elaborárase, coa necesaria asesoría do mesmo, a adaptación curricular necesaria no referido a: adaptación de obxectivos e contidos, gradación de criterios e procedementos de avaliación, metodoloxía, agrupamentos, organización espacio- temporal, programas de desenvolvemento individual, reforzos, adaptación ó ritmo de aprendizaxe dos alumnos e alumnas.

TRATAMENTO DO FOMENTO DA LECTURA

Debido a que a materia só conta cunha hora semanal, na clase vai ser case imposible adicar tempo á lectura, pero as lecturas que se fagan de xeito obrigatorio e que contribúan a reforzar os contidos da materia, serán controladas pola profesora mediante unha proba ou un traballo, que amosará se foi comprendida

TRATAMENTO DO FOMENTO DAS TIC

A materia se presta moito ó uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, por iso se o tempo o permite trataremos de que o alumnado contacte a través da Internet con foros internacionais que lle permitan coñecer outras realidades e organismos que determinan a súa vida

Criterios para avaliar a propia programación.

Valorarase no seguimento da programación ata que punto a programación se adecúa ó realmente impartido co programado




 

No hay comentarios:

Publicar un comentario